ENCONTROS
A actividade da BFV organizarase por encontros, realizándose un total de tres encontros por tempada (outono, inverno e primavera). Cada un destes encontros consistirá en tres días de ensaio e a realización de un ou dous concertos en localizacións diferentes.
DIRECTORES/AS E SOLISTAS CONVIDADOS/AS
Un dos grandes atractivos desta formación será, para o público pero tamén para os músicos, o poder traballar cos solistas e as batutas máis relevantes do panorama bandístico europeo, algúns deles nados en Galicia e que desenvolven a súa actividade nas agrupacións máis prestixiosas do mundo. Deste xeito, cada un dos encontros será conducido por un maestro distinto que deixará a súa marca de calidade no programa que interpretará.
REPERTORIO
Como dixemos xa en puntos anteriores, o repertorio a interpretar será unha das sinais de identidade da BFV. Primaranse nos seus programas as obras compostas orixinalmente para banda de música, cunha linguaxe moderna e vangardista e de alto nivel de esixencia. Tamén se incrementará o patrimonio musical bandístico galego, xa rico de seu, co encargo de novas obras a compositores/as relevantes.
SELECCIÓN DA PLANTILLA
Debido á propia natureza da BFV será necesario formalizar unha plantilla para cada encontro, xa que esta debe estar adaptada aos requirimentos do repertorio.
Os músicos interesados/as en participar en cada encontro poderán solicitar a súa admisión a través dun formulario en liña ao que poderán acceder a través da web https://bandafilharmonicavigo.gal ou das nosas redes sociais. Unha vez recibidas as solicitudes para cada encontro, a selección dos músicos será competencia dun comité dentro da organización que poderá contar con colaboradores/as que axuden a seleccionar a mellor plantilla posible.
Non podemos deixar de destacar que tanto os integrantes da plantilla de músicos como os promotores, equipo técnico e colaboradores do proxecto participarán nesta actividade de maneira altruísta, movidos unicamente polo convencemento de que a BFV é un proxecto positivo para o ben común.