A día de hoxe, Vigo conta cun gran número de músicos cunha sólida formación e capacidade interpretativa. Esta situación é froito da existencia de nove bandas de música populares na cidade (e moitas máis na contorna), de escolas de música de gran calidade xestionadas polas propias das bandas, dun conservatorio profesional e outro superior, e dunha Federación de Bandas de Música que traballa para visibilizar estas agrupacións. A pesar disto, resulta paradoxo que estes músicos non dispoñan na cidade dunha agrupación á súa altura, unha agrupación na que facer música nova, esixente, diferente e motivadora.
O proxecto da Banda Filharmónica de Vigo nace desta necesidade de que Vigo conte cunha agrupación bandística de primeira liña.
Ademais, o público vigués, cada vez máis formado, demanda concertos bandísticos nos que se interprete ese repertorio novo, esixente, diferente e motivador do que falabamos, interpretado por músicos, directores/as e solistas de primeiro nivel.
Os promotores da Banda Filharmónica de Vigo (en adiante BFV), un grupo de músicos entusiastas con longos anos de experiencia no mundo das bandas de música populares e en diferentes conservatorios, non son alleos a esta necesidade, de aí que decidiran levar adiante este ambicioso proxecto que brindará tanto aos músicos como ao público a posibilidade de gozar desa música tan devecida.
