A vocación da BFV non é só a de ser unha banda de concerto, senón que está no seu ADN contribuír á mellora da comunidade musical da bisbarra de Vigo. Por un lado resulta natural que un estudante de música con ambicións profesionais vexa na BFV un punto ao que chegar, un proxecto no que participar no futuro, é dicir, un referente. Por outro lado, os promotores da BFV son conscientes de todas as experiencias que poden aportar os/as prestixiosos/as músicos que serán convidados/as, polo que se organizarán diferentes actividades formativas con eles ou elas como poden ser cursos, clases maxistrais, ensaios abertos, etc.
Tamén está previsto establecer colaboracións coas diferentes escolas de música e conservatorios de Vigo e arredores para realizar actividades formativas conxuntas que, de seguro, enriquecerán o ensino musical dos máis novos.
Nun mundo musical moderno e actualizado non podemos esquecer a importancia da produción e a xestión de espectáculos, así como o relacionado coa produción audiovisual no terreo musical. A BFV tamén pode ser útil para os/as interesados/as como vehículo de formación neste eido.